CONTOS PARA O VERÁN 2_ C.D. Agarimo
.: Breogán Xague :.
Nota previa: Este conto segue sendo da mesma etapa que o anterior. Vou con anos de retraso ao sacalos, ogalla durante este verán poida poñelos ao día. Pensade que é a voz dun rapaz de 19 anos a que fala, que no futuro segue tendo moitas ganas de xogar ao fútbol cos seus amigos de sempre.
C.D. Agarimo
I
Quedara con Iván na praza do Calvario xusto despois de comer. Era un día moi anubrado e con algo de vento, perfecto para reunir á xente suficiente no campo. Nestes veráns tiven que transformar plans que facía con amigos a xeitos de estar un día só. Inda así, eu vía que disfrutaba eses lugares sinxelamente estando alí. Pasoume dun xeito moi claro coa praia dende o primeiro verán que volvín e logo, aos poucos, vin que este proceso reproducíase con paseos por zonas concretas do meu vecindario. Por iso reconfortábame manter plans que fosen indisolubles de certas persoas, necesitar de alguén para estar nun espazo.
Tiña moitas ganas xa de ir a xogar ao futbol con Iván. Inda que só puidese velo no verán seguía sendo un dos meus mellores amigos, sen saber nada novo do que nos acontecera sempre tiñamos a certeza de que un seguía sendo un e o outro seguía sendo o outro. Sempre me saudaba cun choque de mans e unha risa longa. Logo facía, con boa fe, algún comentario de burla sobre a miña roupa, pelo ou pendentes e comezábamos a camiñar cara ó campo.
Nestes días de volta pensei no moito que sigo necesitando do fútbol, desas relacións que non precisan de verse a cotío para confíar no seu afecto. Cada vez que xogo son algo máis malo e, inda así, sigo entendéndome no campo cos meus amigos. Este é o tipo de amizade que me permite sentirme eu dun xeito máis natural. Todo o que fago neses momentos o quero facer de verdade, sinto un impulso dende as pernas que me axuda a facelo. Quero facelo coas persoas coas que o estou a facer. Síntome menos afastado que nunca, da igual canto tempo levase fora nin cando volva marchar.
Non me lembro do que falamos no traxecto. Sei que non adoitábamos falar de asuntos persoais nin de nada trascendente. Eran conversas sinxelas, a min facíame ilusión comentar algo de futbol e el era o único co que podía facelo. Sempre foi unha persoa moi cálida, que se esmera en facerme ver que tiña ganas de estar comigo. Iso quítame moita presión cando quedamos en silenzo.
Decateime de que estábamos collendo o atallo que levaba ao campo no que eu adestraba. Díxenlle que me facía ilusión xogar ahí de novo e comezou a rir ao dicir, “buah, es cierto, que jugabas en el puto Agarimo”. Hai dúas rúas principais para chegar dende o Calvario, pero con Iván sempre nos metíamos por estas máis estreitas. Deume magoa sentirme desconectado do camiño despois de tanto tempo, facelo tan rápido e non reparar no que mudara. Teño esa zona como o recordo de cando comecei a ver as distancias algo máis pequenas. Antes de ir a entrenar alí para min todo era moi grande. Víao dentro dos bordes dos redores da miña casa e escola, o resto estaba alí fóra e lonxe, situable pero collendo o coche.
II
Cada pai dos meus amigos chamábanlle a este campo dun xeito distinto. San Xoán do Monte, o da presa de Seraguas, o da Rúa Cantabría ou o de cemento con vistas á ría. Probablemente sexa un dos puntos máis elevados de Vigo, ou polo menos da paso a un deles. Cando eramos máis nenos era habitual que algún pai nos levara no coche e quedase nun dos bancos que había entre as árbores a mirarnos xogar, algún señor veciño tamén o facía para pasalo rato. Sempre era agradable esa sensación de que te estivesen mirando xogar, parecía que o teu mundo era algo máis verdadeiro e compartido. Ao crecer comezamos a ir andando confiando en topar xente suficiente para botar un siguientes. Nese tempo descubrín na asociación de veciños que tiñan un equipo de futbol sala montado por rapaces das casas do lado e metínme xusto despois de romper o cóbado na ESO.
Aínda así, Iván coñecía a máis xente da que ía xogar alí ca min. De feito, Iván coñecía a prácticamente todo o mundo que xogase ao fútbol da nosa idade. Cando organizábamos días de partidos máis serios el sempre era o que levaba a xente ou o que nos movía a nós onda eles.
Levaba moito tempo sen xogar alí e fíxoseme pequeno. Antes de entrar decateime de que as portas dos nosos antigos vestiarios estaban abertas. Topeinos cheos de grafitis e xeringas, sen luces. A pizarra seguía alí e iso fíxome certa ilusión, só a tivemos nas últimas semanas de antes de que se fose a disolver o clube e para nós era como unha sensación de profesionalidade moito máis alta que calquera outra cousa á que puidesemos aspirar.
Antes de comezar contamos cantos eramos e organizámonos para facer tres equipos de cinco, con partidos a dous goles. Iván ofreceuse para ser un dos capitáns e escoller ao resto. Cando eu xogaba ao fútbol sala el xogaba de porteiro a fútbol 11, de xeito que cada vez que xogabamos entre amigos negábase a quedar. Así que despois de min colleu a un neno que viu con luvas, problema resolto. Tocounos comezar e no primeiro gol que nos meteron Iván cabreouse con el por defender mal o seu pau, logo explicoulle onde tiña que poñerse nun ton máis amigable. Xogando era moi impetuoso e as veces podía parecer que se enfadara de verdade con alguén, pero ao segundo volvía a rirse ou facíalles unha broma para tentar animalo de novo. Eu lémbrome de que el sempre conducía o balón cara diante e de que lle era difícil frear, pasala e combinar. Por esas alturas xa era distinto, era dos poucos que mantiña a forma e tiña reflexos, cousa que eu xa case perdín no fútbol. Antes eu era dos máis rápidos e non sabía meter o corpo, iso empequenecíame moitas veces e mancábame os costados a miudo. Ao non deixarme a miña cardióloga xogar ao fútbol 11 nunca aprendera ese lado máis físico. Logo fun sendo máis e máis alto e comecei a dar máis pases e defender.
O fútbol deume a confianza no meu corpo que a miña enfermidade me quitara. Axudoume a manexarme en situacións sociais novas con menos medo, correr rápido e chutar forte era unha gran máscara que fixo máis feliz a miña adolescencia e á que lle debo os amigos máis vellos que teño. Era un xeito de comunicarme estando calado. Coma eles, podía chegar a picarme, coma eles, chegaba á clase suado e, coma eles, entendíame cos demais tirando desmarques e paredes.
Esgoteime bastante rápido e quedeime a defender atrás. Iso fixo que me pisase moitas veces con Iván. Fixemos unha liña de dous na que nós defendiamos, cun rapaz descoñecido a cada banda. Así podíamos combinar mellor e ser máis compactos defendendo. Perdemos o primeiro partido, logo gañamos dous ou tres e logo volvimos a perder. Cando o ritmo era moi alto só defendíamos. Cada vez que podíamos pasala máis pasábao realmente ben, liberábame moito e satisfacíame. Sentía ter certo peso no que facíamos, neses momentos era onde destacaba co balón e as situacións que de adolescente me subiron moito a autoestima. Iván e maís eu entendíamos o que quería facer o outro e cubríamonos cando un subía e logo non lle daban as pernas. Nunha xogada tirei ao pau e o porteiro venceuse ao chan. No rebote marquei forte por arriba, mentres de lonxe escoite: “Pásala de cara”. Estaba el no centro do campo e pretendía que lle dese o balón para tirala a sabe deus onde
- Pero se tiña ao porteiro no chan.
- Ya, por eso me has callado la boca.
Riuse para si mesmo, chocoume o puño e voltamos á posición de antes.
Dentro de certas masculinidades tóxicas, de certos comportamentos base que me facían estar ahí pouco, o fútbol era dos xeitos máis directos de expresar agarimo. Cando vía que tocaba moito o balón comezaba a falar máis cos compañeiros. Facíaseme alegre dar e recibir indicacións, o feito de non poder ver todo o campo e rivais á vez fai que os teus amigos che griten a túa situación para ter unha percepción máis panóramica do que non ves. -Solo, De primeras, Por detrás , Pared, Sigue, Sal, Tuya-. Estas interexeccións eran como modos de axuda. Pode ser un deporte moi empático cando se xogaba coas persoas adecuadas, cando un pegáballe fóra gritábanlle “Va buena” e animaban a seguir probando. Ademáis cando remataba remataba, isto encantábame ata coa xente máis competetiva. Tiven amigos que chegaban a ser odiosos comigo xogando, pero despois de xogar non había rencor ningún. Daquela xa sentía ás veces que non era un comportamento moi sano, pero facíame comprender mellor á xente coa que convivía e quería.
Todo isto fai máis que calquera conversa que poida ter con calquer amigo cada vez que volvo. Cubre un espazo distinto que tamén necesito cubrir. É unha linguaxe física que permite saber como está o outro sen necesidade de falar, ata mostrar interés sen expoñerte demaisado. Que Iván me siga levando a xogar ao fútbol dame a certeza de seguir contando para el, inda que levemos meses sen vernos. É máis sei que se leváramos anos e anos en cidades distintas e volvese o seguiría vendo e me diría de ir a xogar. Dentro de que se leve ben con todo o mundo esa tarde eu era consciente de que era o seu único amigo alí.
- Epílogo -
Volver facendo un camiño con alguén, logo subir ao seu piso a beber auga e falar.
Preto do campo, facendo o camiño de volta, hai un lavadoiro detrás dun bar. Xa case non se usa pero bota unha auga moi fría e pura que ven do monte de San Xoán. Detivémonos a beber dela mentres comentábamos as cousas que nos saíran mal xogando. Levaba anos sen xogar tantas horas con certa intensidade e volvín a sentirme esgotado. Mais non do mesmo xeito que cando me lembra á miña cardiopatía, este esgotamento facía verme capaz e resistente. É parte do que se mantén dentro de mín.
Hai partes de ser eu que quero recuperar e volver a disfrutar. Cada vez que volto decátome de que pasan por seguir querendo, de xeitos distintos e con relacións distintas. Agradezo moito poder ter esta amizade.Hai moitas cousas das que non me apetece escribir. Non quero empregar á xente da miña casa nin ás miñas circusntancias. Quero escribir dende o agradecemento.
Cheguei canso a casa, ducheime sen música por primeira vez en moito tempo.